Saturday 04 de May de 2024

O Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia intégrase no Itinerario Cultural Europeo Vía Querinísima, que une Italia con Noruega


Promotores italianos e noruegueses amosan gran interese por coñecer os detalles da rota do mariño Pietro Querini, que peregrinou de Muros a Compostela no século XV

A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia tomou parte no congreso “Viaxes, intercambios, cultura e turismo: compartindo as mellores prácticas, estratexias e valores”, celebrado durante esta fin de semana no Palazzo Grandi Stazioni de Venecia e organizado pola rexión de Nordland (Noruega) en colaboración coa Regione del Veneto e a Asociación Internacional Vía Querinissima.

A asociación galega tomou parte nunha sesión sobre a figura de Pietro Querini (1400-1448), un mariño e comerciante que pertencía a unha das familias máis importantes da Venecia do século XV e que no 1431 emprendeu unha viaxe comercial a bordo da nave “Querina” que se convertería, de forma accidental e froito dos imprevistos do itinerario, nunha das viaxes máis importantes para Italia e para a documentación histórica do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Por unha banda, Querini documentou e debuxou o itinerario seguido ata a illa de Rost (Noruega), que hoxe se coñece como a Vía Querinissima: a ruta que levou por primeira vez o bacallau a Italia. Por outra, deixou perfectamente documentada unha peregrinación de Muros a Compostela, que define o punto de inicio do Camiño da Ría de Muros Noia.

Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia

“Viñemos ata o Veneto porque a asociación Vía Querinissima ten como obxectivo recrear a ruta percorrida por Pietro Querini por mar e por terra, para promover un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostible que una as cidades e rexións de ata trece países. E iso é algo que nos interesa moito”, explica Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. “Os italianos e os noruegueses están interesados en incluír a viaxe ata Compostela como un fito mais do seu itinerario, O atractivo desta etapa da Ruta sería facelo como peregrinos e gañar a Compostela, xa que estarán percorrendo de facto un dos camiños marítimos da Ría de Muros Noia”, engade.

Na súa intervención en Venecia, a Asociación deixou claros os requisitos do Cabildo Catedralicio para obter a Compostela, que comezan por levar a Credencial do Peregrino, que se lles facilitaría dende a asociación. Despois só precisarían ir selándoa en todos os portos da Vía Querinissima ata chegar á Ría de Muros Noia, onde completarán a pe os últimos 12 km do Camiño, selando a credencial en Bertamiráns e na oficina do Peregrino de Compostela.

A conferencia, “A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia e a ruta de Pietro Querini desde Muros a Santiago”, pronunciouse ante un auditorio repleto no Palazzo Grandi Stazioni de Venecia e nun acto presidido por autoridades italianas e norueguesas tales como a directora de Relacións Internacionais da Rexión de Véneto, Annalisa Bisson; o responsable de Cultura da Rexión de Véneto, Cristiano Corazzarí ou a asesora especial do condado de Nordland en asuntos internacionais, Maja Zakariassen.

Itinerario cultural europeo

A maiores, a parte máis importante do programa e o motivo principal da presenza dun representante da Asociación de concellos da Ría de Muros Noia esta fin de semana en Venecia, foi a reunión de todas as rexións integradas na ruta para defender a candidatura da Vía Querinissima a Itinerario Cultural Europeo ante o Avaliador do Consello de Europa, Mateo Malvani.

“A candidatura da Vía Querinísima a Itinerario Cultural Europeo gaña moita forza coa integración dun Camiño de Santiago porque aporta un estudo amplo e perfectamente documentado do Camiño de Pietro Querini entre Muros e Santiago de Compostela, o único das miles de millas náuticas das que consta o Itinerario e que hoxe coñecemos grazas ao traballo de delimitación do trazado dirixido por Marcial Rodríguez, Mario César Vila e Sofía Vaquero”, subliñou Sebastián Valverde.

Vía Querinissima

A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro constituída tras dez anos de duro traballo: primeiro cun acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois un acordo de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. Unha iniciativa que aspira a obter a certificación do Consello de Europa como ruta cultural internacional neste ano 2023. A asociación está integrada tanto por organismos públicos e privados de Italia, Noruega, Suecia, España e Grecia.

O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau).

Pietro Querini

O mariño Pietro Querini partiu de Creta no 1431 con destino Bruxas, nunha viaxe que resultou moi accidentada. En primeiro lugar, ao cruzar o Mediterráneo romperon o timón, o que os obrigou a arranxalo en Cádiz. Tras perderse por mor do mal tempo, chegou ás Illas Canarias e finalmente arribou a Lisboa, onde tiveron que agardar co timón aínda danado a que o vento fora favorable. Seis meses despois da súa partida de Creta puideron saír de Portugal o 14 de setembro para chegar o 26 de outubro a Muros, onde aproveitaron a parada obrigada para reparacións e para ir en peregrinación ao sepulcro do Apóstolo.

Unha peregrinación recollida nas súas propias notas: “Nous atteignimes Muros le 26 octobre, où nous nous ravitaillames. Accompagné de treize campagnons, jállaivisiterl´´eglisede Saint Jaques mais n´y demeurai que peu de temps” (Querini, 2010). No dossier da viaxe, gardado na Biblioteca Vaticana, relata polo miúdo a súa experiencia, complementada tamén polos relatos dos seus oficiais Nicoló de Michiele e Cristoforo Fioravante, conservados na Biblioteca Nacional de Venecia, polo que se coñece que fixeron o Camiño a cabalo, se cruzaron con outros italianos e mesmo como uns falsos monxes os intentaron enganar ofrecéndolles unhas cunhas de vieiras sen bendicir.

Tras a visita ao Apóstolo seguen rumbo norte, atopándose cunha terrible tormenta na costa occidental francesa que o levou a naufragar en Noruega. Así, só 16 dos 68 homes que saíron de Venecia chegaron á illa de Sandoya, no arquipélago de Lofoten (moito máis aló do círculo polar), onde foron rescatados polos pescadores da illa de Rost (Noruega). Permaneceron na illa ata a primavera, onde Querini quedou fascinado pola maneira na que a poboación conservaba o bacallau, o que estableceu o xerme da comercialización e consumo deste peixe en Italia. Despois, iniciou a volta a Venecia.